Queremos Galego mobiliza autobuses nas cidades e vilas do país para a manifestación pola lingua deste 17 de novembro

A plataforma Queremos Galego pon a disposición da cidadanía autobuses que saen das principais cidades e vilas do país para manifestarse pola lingua este 17 de novembro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego’. O custo da viaxe, que inclúe a ida e a volta, ten un valor de cinco euros.

Esta mobilización responde aos datos do IGE, que -en palabras do seu voceiro, Marcos Maceira– “certifican a emerxencia linguística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social”.

Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, denuncia a “expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social intensificada nos últimos 15 anos”, mencionando expresamente o decreto contra o galego no ensino, a modificación da lei da función pública e a desaparición da programación infantil ampla e actualizada da TVG.

A Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega, entidades sociais de todo tipo e persoas a título individual a converter o acto de Compostela, o 17 de novembro, nunha grande convocatoria unitaria, “nun grande plenario de Queremos Galego para amosar que outro rumbo para o galego é posíbel, que entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego