A praza da Quintana acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea multitudinaria e aberta na que Queremos Galego presentará á sociedade os resultados do proceso social Lingua Vital. “Este acto marcará un punto de inicio para que entidades sociais, concellos, deputacións e a propia Xunta teñan claro que medidas cómpre desenvolver”, en palabras do voceiro da plataforma de entidades de defensa da lingua, Marcos Maceira.
Representantes das 57 entidades sociais que participaron no proceso social anunciaron este evento multitudinario na rolda de presentación das liñas xerais do documento Lingua Vital, elaborado por máis de 100 persoas activas nos ámbitos dos dereitos lingüísticos, a calidade da lingua, servizos públicos, ensino, sociedade e economía, medios de comunicación, novas tecnoloxías, cultura e acción exterior, a partir das máis de 1300 achegas procedentes das asembleas convocadas en todas as comarcas.
Segundo indicou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, “o 14 de marzo veremos o resultado dun proceso amplo, plural e participativo na procura de solucións efectivas para o idioma procuradas a través do encontro e a colaboración para reverter a emerxencia lingüística, co convencemento absoluto de que é reversíbel e de que existe moito futuro para o noso idioma”. Armas sinalou as principais liñas que seguirá o documento que será aprobado definitivamente o 7 de febreiro. Lingua Vital proporá avances normativos para a oferta positiva e a extensión e información sobre dereitos lingüísticos, a necesidade de fomentar unha lingua de calidade, a consolidación do galego como a lingua normal, predeterminada e plenamente operativa en todos os servizos públicos, a derrogación do decreto contra o galego no ensino xunto a un calendario de aplicación de medidas conducentes a facer do galego a lingua vehicular e, finalmente o apoio institucional e social ao uso e promoción do galego nos territorios de lingua galega situados fóra da comunidade autónoma e accións destinadas a afondar nos vínculos coa lusofonía.
Para Marcos Maceira, mentres as entidades sociais se activaron para enfrontar a emerxencia lingüística, “a Xunta só actou para contestar o movemento social”, facendo ver unha “suposta intención de viraxe desenmascarada pola súa propia actitude nos 15 meses que pasaron desde que se coñeceron os datos oficiais”. Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego lembrou a eliminación do coñecemento de galego para entrar nas listaxes de contratación pública, a posibilidade de que a TVG deixe de usar o idioma de Galiza, o boicot de Rueda á oficialidade do galego na UE, a oposición á entrada de Galiza na UNESCO, a lei de IA que exclúe a lingua, a supresión nos pregos dos campamentos de verán, o uso do castelán en campañas para a mocidade, a falta de recursos para a tradución ao galego de programas como Atenea e o desinvestimento en accións normalizadoras nos centros educativos ou o control do IGE, “para evitar que os datos poñan en evidencia a realidade lingüística ou social de Galiza”.
O voceiro de Queremos Galego sinalou que “toda esta colección de ataques á lingua en tan só 15 meses é un novo record na agresividade do PP e da Xunta contra o seu propio idioma”, producido “mentres anunciaban un autopacto opaco e excluínte no que xa incumpriron o primeiro compromiso de presentalo antes de acabar 2025”.
No nome das persoas coordinadoras dos grupos de traballo do proceso Lingua Vital, interviu a profesora da USC Soliña Barreiro que coordinou o grupo de medios de comunicación. Barreiro resaltou a importancia dos medios públicos para a normalización da lingua e a necesidade contar cunha estratexia a medio prazo que teña o galego como lingua de uso exclusiva, que aumente os recursos destinados á produción propia, e que procure a creación dun vencello coa sociedade que vertebre o territorio e xere cohesión cultural e lingüística.



