Queremos galego convoca unha concentración na praza do Obradoiro para o 17 de maio

Para acudir á mobilización haberá que se inscribir previamente, co obxectivo distribuír a praza mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as normas sanitarias

Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais, anunciaron este mércores unha concentración na praza do Obradoiro o vindeiro 17 de maio ao mediodía. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira.

‘Queremos vivir en galego’, o lema da concentración

Dende Queremos Galego animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose na web queremosgalego.gal. A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.

A reinvidicación é “queremos vivir en galego”. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron. “Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.

Na rolda de presentación participaron Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, Patricia Varela (AS-PG), Lucía López (BNG), Suso Bermello (CIG-Ensino) e Camilo Nogueira (AELG).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego