Queremos Galego Compostela celebrou o venres 27 de febreiro un acto contra a emerxencia lingüística que atravesa o galego, reunindo a numeroso público na sala de presentacións da Libraría Couceiro. O acto contou cunha parte poética na que participaron Branca Trigo, Pablo L. Fontenla, Andrea Nunes e Diana Kurich, recitando textos propios e poñendo o foco na lingua como espazo de creación, identidade e resistencia. Un dos momentos máis celebrados foi a demostración de regueifa protagonizada polas Regueifinhas da Escola Semente, crianzas de entre 5 e 10 anos, acompañadas por Séchu Sende, que improvisaron coplas e amosaron a vitalidade da tradición oral entre as novas xeracións. O ramo do acto foi a actuación musical de Roberto Sobrado.
No plano reivindicativo, interveu Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, quen advertiu da situación de emerxencia lingüística e da ausencia de políticas públicas eficaces por parte da Xunta de Galicia. Maceira chamou á implicación social para impulsar un cambio de rumbo e reclamou medidas valentes que garantan a presenza do galego en todos os ámbitos da vida, desde o ensino até os medios de comunicación e a administración.

Queremos Galego Compostela sinala que este acto serve tamén como preludio da asemblea aberta que terá lugar o vindeiro 14 de marzo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, na que se presentarán os resultados do proceso de reflexión e participación social impulsado pola plataforma: o proceso social Lingua Vital. A organización anima a toda a cidadanía a participar neste encontro, concibido como un espazo aberto para compartir os diagnósticos, as propostas e as liñas recollidos durante estes meses, elaborados grazas ás 1.300 achegas dos galegos e galegas e ao traballo de máis de medio cento de entidades sociais.



