Asociación Faladoiros Vigo, un proxecto de fomento da oralidade en galego creando espazos de confianza; Caranvexo TV, un recurso colectivo para fomentar a lingua a través do audiovisual; Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, un programa piloto para reflexionar e traballar o conflito lingüístico entre a mocidade e Na Utopía, unha plataforma de obradoiros en liña que ofrece contidos variados na nosa lingua, resultaron os proxectos premiados polo xurado dos Premios Mil Primaveras nesta cuarta edición do certame.
Asociación Faladoiros Vigo (Asociación Faladoiros Vigo)
É unha iniciativa nacida en 2020 co fin de asociar espazos amables á conversa en galego nun contexto urbano, e busca formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar galego. O xurado destacou que axudan a crear ámbitos de uso informais na nosa lingua, tan necesarios en contextos urbanos, e que dotan as persoas destinatarias de espazos para favorecer a súa confianza como falantes. Tamén se valorou que é unha iniciativa que parte da propia sociedade, que é autoxestionada e que pode ser un exemplo para outras realidades.
Caranvexo TV (Concello de Moaña)
O Concello de Moaña puxo a andar a comezos do ano 2018 o proxecto Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña, co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa para dinamizar o uso oral da lingua. O xurado destacou que é un proxecto fresco que promove o uso oral da lingua entre a infancia e a mocidade nun contexto educativo, creativo e divertido. É ademais un exemplo da colaboración entre un SNL local e a comunidade educativa nunha acción colectiva que crea vínculos a través do idioma.
Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (Rexenerando, S. Coop. Galega)
É un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, que integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversidade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico. O xurado valorou que fomenta a participación para crear comunidade lingüística por medio da reflexión e o debate e que procura activar falantes entre iguais. Outro dos seus valores é ser un proxecto que se pode espallar por moitos centros educativos.
Na Utopía (Na Utopía)
É unha novísima plataforma de obradoiros en liña integramente en galego para proporcionar a oportunidade de aprender contidos diversos na nosa lingua fóra dos circuítos formais ou académicos. O xurado destacou que é unha ferramenta asemade formativa e normalizadora en moi diferentes ámbitos. Tamén salientou a súa innovación e que cobre un nicho de mercado presente con proxección de futuro. A calidade dos contidos, da imaxe e da comunicación e o feito de asociar a aprendizaxe co lecer son outros dos seus valores.
O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2022 estivo formado por Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña, Carlos García Vieito, responsable de comunicación da Mesa pola Normalización Lingüística, Noemí García Rodríguez, docente da EOI de Lugo, Gabriel Fuentes Míguez, xornalista na CRTVG, e Manuel Reyes Villar, redactor-corrector da Deputación Provincial de Pontevedra e vogal da CTNL.
En que consisten estes premios?
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Tamén co mesmo obxectivo de divulgar e recoñecer, a CTNL organizará un acto público de entrega de premios. Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.
Estes premios naceron en 2019 coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.