Que podes ver este 25 de xullo en Nós Televisión?

Nós Televisión ofrece documentarios, series e programas audiovisuais para compartir un dos días nos que o pobo galego é protagonista de seu. Deste xeito, abordamos a nosa historia, a nosa identidade, a nosa cultura e a nosa lingua.

A continuación, tendes unha listaxe dalgunhas das pezas que escollemos para vós aínda que podedes atopar moito máis na nosa canle de youtube e na emisión da nosa televisión no 9 de R.

1 – A serie documental ‘Castelao en Lugo’

Nós Televisión presenta esta serie onde podemos ver a evolución ideolóxica de Daniel R. Castelao en Lugo, o avance do nacionalismo galego no s.XX á vez que descubrimos a provincia de Lugo.

2 – O galego na morte

Se o teu non é a historia senón a sociolingüistica, esta é a túa reportaxe. Ata finais do século XX na maioría dos camposantos non había ningunha lápida en galego. Hoxe a realidade é ben diferente: en todos os concellos hai algunha e a tendencia é ao medre. Viaxamos país adiante seguindo as pegadas da nosa lingua!

3 – As testemuñas silenciosas, un documental sobre cruceiros galegos

O patrimonio tamén é protagonista das nosas pezas. “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo. Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros”, escribía Castelao. Son os cruceiros o elemento etnográfico máis importante das terras galegas? Cal é a súa orixe? Nesta reportaxe documental visitamos os cruceiros máis representativos de Galicia da man de persoeiros especializados na historia, na antropoloxía e no sector cultural.

4 – Nosoutras, as mulleres da revista Nós

Para as persoas que sabedes ben que moito temos que descubrir aínda da nosa historia, recuperamos a serie documental de ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’, que mereceu unha nominación nos Premios Mestre Mateo. Coa serie non só descubrimos a mulleres, galegas e estranxeiras, que participaron dalgún xeito nesta revista senón tamén o ideario que perseguía esta revista que hoxe é un emblema cultural de país.

5 – O Vagón

E se o teu son os programas, non podes perder O Vagón! O videopodcast O Vagón, presentado por Luís Pardo e producido e realizado por Nós Televisión conta entre o seu elenco de persoas entrevistadas a Borja Iglesias, The Rapants ou as irmás Maneiro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego