Coa chegada do verán, e das ansiadas vacacións, aumentan as lecturas. Por esta razón, a equipa de Nós Televisión ten preparada unha listaxe dos últimos libros publicados pola editorial Galaxia. Reunimos 10 títulos que poden resultarche do máis interesante.
1 – Illa Decepción de Berta Dávila
PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL 2020
¿Que queda de nós nas casas onde vivimos noutro tempo? Se algo permanece nelas, ¿pódese acceder a aqueles momentos, ás sensacións idas? A protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia.
Cunha voz inconfundible, penetrante, orixinal e ao tempo case delicada, Berta Dávila narra a historia dunha memoria que rescata o presente. Para conseguir xuntalo cun pasado vívido, cálido, ao que se pode viaxar por medio da literatura. Illa Decepción devolve á novela o seu poder de convicción, a súa forza para unir a quen escribe e a quen le. Narradora e lectora, imaxinación e vida. Unha obra singular, única, que prende na memoria e que a lectura fai propia, persoal, de todo o mundo.
2 – O axolote e outros contos de bestas e auga de Lara Dopazo
PREMIO ILLA NOVA DE NARRATIVA 2020
Nestes relatos atoparás unha ducia de historias lostregantes que teñen como elemento común o sobrenatural. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural, todo superposto e fundido nunha colección de historias de prodixios e arrepíos.
A auga e os animais –tamén outras bestas– cobran protagonismo nestas páxinas. A autora logra dosificar a intriga e mostra un dominio da tensión para crear atmosferas envolventes e inquietantes. Cunha prosa suxerente e de grande altura estética, introdúcenos noutras épocas e latitudes con mestría e logra conmovernos en cada relato.
3 – Se te quixen foi polos grelos de Timparrantela
Unha das mellores novas no eido musical dos últimos anos en Galicia é a proliferación de bandas compostas por mulleres.
Donas afoutas que agarran de clarinete ou de piano e cantan ao mundo como elas o entenden.
Velaquí unha desas propostas.
Un disco que percorre moitos vieiros, bebendo do tradicional e do folk pero tamén das charangas e desa música espontánea que nace cando hai gorxas dispostas a se unir nunha canción.
Textos cheos de retranca e de empoderamento, de crítica e de amor, de luz e de sombras.
Como é todo na vida.
É unha declaración: se te quixen, foi polos grelos.
Quen as escoite, vai querelas.
Con ou sen grelos polo medio.
4 – Dormente de Raquel Castro
Esta princesa está durmida?
Será que non quere espertar? Por que queren que esperte? Para casala con quen
non quere?
5 – Movendo os marcos do patriarcado de Marilar Aleixandre e María López
O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán
As ideas de Emilia Pardo Bazán contribuíron a mover os marcos do patriarcado. Para alén de denunciar a violencia contra as mulleres, a física, dando nome aos mullericidios, e a simbólica; de criticar a asimetría nos xuízos a mulleres e homes; de esixir a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados, identificou algunhas das bases ideolóxicas que sustentan estas discriminacións e violencias, algúns dos mecanismos polos que se exercen, o que hoxe chamamos patriarcado. Exemplos son a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres.
Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”.
6 – Identidade de Nee Barros
“A normalidade do non-común”
Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?
Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.
7 – A vida secreta de Úrsula Bas de Arantza Portabales
Dun día para outro, e sen que se saiba o motivo, desaparece unha escritora de sona. O seu home pon unha denuncia na comisaría de Compostela á que, logo dunha baixa prolongada, se acaba de reincorporar Santi Abad. Tras a resolución do “caso Alén”, o asasinato que pouco máis dun ano antes fixera abalar os alicerces do mundo da arte e da sociedade galega, o inspector Abad e Ana Barroso, ascendida a subinspectora, volven formar equipo. Logo do suceso obtido con Beleza vermella, Arantza Portabales pon outra vez en liza a problemática e inestable parella de policías. Amor e eficacia, intelixencia e desconfianza,
paixón e violencia.
Cunha trama de ritmo e acción fulgurantes, A vida secreta de Úrsula
Bas penetra, camada a camada, sen dó e cunha potencia narrativa engaioladora, na dobre vida dunha muller que se deixa arrastrar pola forza subxugante do descoñecido, pola atracción e misterio dun ser verdadeiramente perverso.
8 – Eva, a carteira espacial de Gloria Pavía
Premio Alberte Quiñoi de Álbum ilustrado 2021 convocado polo Concello da Estrada
Eva é carteira, pero non unha carteira calquera, é espacial e vén da Lúa, onde nacen as estrelas. Nesta viaxe, percorrerá o camiño dos asteroides para atopar o pequeno Plutón. Serán os seus veciños quen de lembrarse del? Unha aventura galáctica, onde o manto estelar e os planetas guiarán a nosa protagonista cara a este misterioso veciño.
9 – Alba de Helena Villar Janeiro
Ilustracións de Albi Castillo
Alba é moi especial.
Sábeo ela e sábeo todo o mundo.
Queres saber por que é TAN especial???
10 – Humanario de Pilar García Rego
Lindes fráxiles como unha capa de xeo no mar de Bering entre o Hoxe e o Mañá.
Humanario é un travelling polo máis evolucionado dos animais (oxalá un día venzan).
É posible, iso si, que a viaxe comece cara abaixo (a Catá-base), ata o fondo da lama, ata non recoñecer as nosas propias mans.