Que les este verán?

Reunimos os Espazos Literarios do mes de agosto

Xerais, en singular: O xogo de Escher

IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira 2023

Conectados ao gran computador central da compañía Escher, milleiros de seres humanos experimentan múltiples vidas, indistinguibles da vida real. Pero no xogo de Escher algúns xogadores conseguen chegar máis alá das aparencias. «O xogo de Escher» é unha distopía de ciencia ficción. Ou, talvez, unha novela histórica. Ou unha reflexión sobre o problema de demarcación de límites na ciencia. Ou un ensaio filosófico sobre o sentido da vida. Ou un revirado exercicio de metaliteratura que pretende romper a cuarta parede e interpelar o lector. Ou, se cadra, «O xogo de Escher» non é nada de todo iso e só é un libro que fala sobre un libro titulado «O xogo de Escher». Se cadra, «O xogo de Escher» é só un xogo. Ou é a vida mesma. Se cadra, «O xogo de Escher» non é nada. Ou é todo.

Mercar libro

 

Universo Galaxia: Mar branco. Crónicas de Rusia e Europa Oriental

Limiar de Xosé María Álvarez Cáccamo

Moscova é o centro dun remuíño de crónicas que van dos Balcáns ao Báltico, dun Kíiv enfermo a un San Petersburgo concupiscente e das chairas árticas á tropical Crimea, pasando por retiros ortodoxos e cidades remotas. En tren e autostop, o percorrido obedece á fascinación estética que a arquitectura brutalista e as paisaxes xeadas suscitan nun xornalista que prefire ser escritor. Polo camiño, da man da literatura e novos personaxes, Rusia desprega a súa cultura, gastronomía e carácter. Pero tras a liberdade eufórica e inconsciente das primeiras viaxes, ábrese paso unha visión máis madura, co sabor da emigración e o fedor do nacionalismo e da guerra, que revela as tebras do país e pon final ao libro.

Mercar libro

Lendo na Baía: Meigallo_98H

As cousas prometíanse felices. Cambiar ao instituto Vicencio non tiña por que ser tan malo como semellaba ao principio, se alí ían estar tamén esas novas amizades do campamento de verán.

O que Constanza nunca esperara é que precisamente entre bromas e risos naquelas vacacións puideran ter invocado esa presenza arrepiante que agora pon en perigo todo o mundo. Ten que facer algo, e só Amelia, esa misteriosa amiga da que nunca lle falou a ninguén, entende o risco.

A ameaza está máis próxima, e cada vez son menos. Serán capaces de salvarse, e salvar os demais?

Esta novela xuvenil non só combina as características da novela de misterio con elementos clásicos da narrativa de terror, do horror de corte lovecraftiano, ou das presenzas inquietantes propias das películas de slashers. Nas súas páxinas tamén se mesturan recursos tan actuais como os creepypastas, nun diálogo entre as vellas e as novas formas de asustar.
Mercar libro

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego