A Mesa critica o acordo entre populares e socialistas para actualizar o PXNL

O PPdeG e PSdeG formalizaron este xoves un acordo arredor da actualización do Plan de Normalización Lingüística que inclúe medidas como que, a partir do curso 28/29 se poderán impartir materias científicas en galego, sempre que se preserve o equilibrio do 50 por cento e, por tanto, neste caso, se impartan as materias sociais en castelán.

Outros puntos do acordo recollen o incremento en 1,5 millóns de euros ao ano a dotación orzamentaria para o fomento do galego nesta lexislatura ou que a Secretaría Xeral da Lingua teña que elaborar un informe anual de seguimento do PXNL.

A Mesa: “O veto ao galego continúa”

Con todo, a polémica arredor deste acordo céntrase no pacto no eido educativo xa que o movemento social, político e lingüístico viña pedindo a derrogación total do decreto de plurilingüismo. Nesta liña, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destaca que o “veto ao galego” segue nos centros de ensino, “só que agora obriga os centros a decidir cales son as materias nas que prohibir o uso do galego”.

Maceira advirte que, en todo caso, o acordo presentado “non é máis ca unha declaración de intencións” e incide en que a situación de emerxencia lingüística que vive o galego exixe “pasar á acción normativa”, que a proposta do PP de 2026 non só non mellora, senón que rebaixa considerabelmente.

O presidente da Mesa afirma que “o Partido Popular leva 22 anos incumprindo e boicotando todos os acordos sobre a lingua, nacionais e internacionais. “Nada impediu ao PP cumprir os acordos a favor do galego”, mais “boicoteáronos permanentemente, chegando a aprobar normas mesmo contrarias aos acordos e á lingua galega en ámbitos como a educación, a administración, o ámbito socioeconómico ou os medios de comunicación públicos”.

“Neste momento só hai unha proposta neste sentido”, afirma Maceira, a Iniciativa Lexislativa Popular presentada por Queremos Galego xunto ás organizacións sindicais, de consumidores, Confederacións de ANPAS, asociacións veciñais, culturais ou de persoas consumidoras”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego