PuntoGal entra no Padroado do Museo do Pobo Galego

PuntoGal converteuse esta fin de semana en membro do Padroado do Museo do Pobo Galego a proposta da institución que preside Concha Losada. A asemblea, celebrada este sábado en Santiago de Compostela, escenificou un paso máis na estreita colaboración e soporte mutuo que manteñen as dúas entidades.

O Padroado está integrado por institucións que traballan en prol da cultura de Galicia, especialistas en distintas áreas, empresas e representantes das Administracións públicas. O museo conta con tres clases de membros: padróns numerarios, padróns institucionais e representantes das socias e socios. PuntoGal, que forma xa parte dos padróns institucionais, nomeou como representante ao seu vicepresidente, Camilo Regueiro.

A asemblea tamén entregou a Xusto Beramendi González a súa Insignia de Ouro en recoñecemento á súa implicación co museo, do que é un dos fundadores e onde desempeñou distintos cargos, como o de presidente do Padroado.

PuntoGal mantén unha longa traxectoria de colaboración co Museo do Pobo desde os seus inicios. Do mesmo xeito, o Museo apoiou ao dominio desde que deu os primeiros pasos e, de feito, lanzou un dos dominios pioneiros, museodopobo.gal.

Unha das actividades nas que PuntoGal se involucrou especialmente foi no apoio ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), repositorio público e accesible que ofrece centos de gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego