Primeira conmemoración dos 100 anos de Galeusca: “se temos historia, tamén temos futuro”

Castelao e Rosalía guiaron a conmemoración do centenario do nacemento de Galeusca, a unión das entidades en defensa do galego, do éuskaro e do catalán. A homenaxe do nacemento das emblemáticas figuras galegas, Castelao e Rosalía de Castro, tivo lugar este domingo no panteón de Galegos Ilustres.

Francesc Marco, secretario de Plataforma per la Llengua, recordou o centenario do nacemento de Galeusca salientando que “se temos historia, tamén temos futuro” e poñendo en valor o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos de xeito coordinado polas entidades do Estado, especialmente no relativo á nova lei do audiovisual. “É importante que as organizacións das linguas sexamos plenamente conscientes da realidade de hoxendía: dos novos cambios de hábitos de consumo, do papel do audiovisual e das pantallas, porque o catalán, o euskera e o galego son linguas que veñen de moi lonxe, que teñen moita historia e que han de ser tamén as linguas da modernidade, do presente e do futuro”, apuntou Marco.

Paul Bilbao Sarria, representante de Kontseilua, destacou: “Compartimos visións e proxectos e unimos forzas ante a visión monolingüe que existe no Estado e os seus diferentes poderes”. Neste sentido, Paul Bilbao salientou a unión das sociedades vasca, galega e catalá á hora de “reprobar as actuacións que está tendo o poder xudicial contra medidas favorables para a garantía dos nosos dereitos”.

Marcos Maceira Eiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica, incidiu na celebración do centenario do primeiro Galeusca, o acordo tripartito entre entidades culturais e políticas de Galiza, Euskal Herria e os Paises Cataláns, que terá lugar este ano 2023. “Hoxe, diante de Rosalía e de Castelao, exemplos e referencias de compromiso activo coa plena normalización da súa lingua nas circunstancias máis difíceis”, afirmou Maceira, “renovamos a vontade de mantermos a colaboración recíproca entre as entidades de defensa das linguas dos 3 países”.

Despois das intervencións musicais de Uxía e Os Trinquetes, Lucía Barreiro pechou o acto destacando a referencia na loita polas linguas de Rosalía e Castelao e a transcendencia até a actualidade da alianza entre os pobos galego, vasco e catalán para conseguir mudanzas significativas no Estado que contribúan á normalización das linguas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego