Culturactiva Producións e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de presentar ‘Castelao’, a primeira obra dramática sobre o intelectual de Rianxo feita para a infancia. Ata agora, a súa figura non contaba cun espectáculo teatral para a cativada. Esta obra vén poñerlle remedio cun gran equipo: un texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja e con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena.
O inicio de xira do espectáculo, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, será o vindeiro domingo 19 de marzo no Auditorio Constante Liste en Teo ás 12:00h e percorrerá cidades e vilas como O Barco de Valdeorras, Viveiro, Boiro, Vilalba, Vilagarcía, Porriño, Monforte de Lemos ou Porto do Son.
Durante a rolda de prensa de presentación, que tivo lugaro xoves 16 de marzo, salientouse “a importancia de que os nenos e nenas poidan acceder a vida e obra de Castelao dende unha idade temperá e cunha linguaxe adaptada a todas elas, facendo que se identifiquen co protagonista”.
“É unha obra divertida e á par reflexiva sobre a última tarde que Castelao pasa en Rianxo antes de coller o barco para ir para Arxentina”, “O texto de Paula Carballeira é unha delicia, desfrutas dicindo as palabras que escribiu” explica Cris Collazo. “Temos que reforzar o traballo coa xente miúda para reforzar o uso do galego, pensando na nena que fun encantariame ter visto este espectaculo”, continúa Mónica.
A obra presenta a un Castelao de 8 anos anos e na súa vila natal, divertido, feliz, alegre e aventureiro. Culturactiva Producións propón unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que a inmediatez da partida garante.