A publicación ‘Caderno de Gres‘ foi presentada o pasado xoves, día 17 de xuño, no Pazo de San Roque en Compostela, xusto no ano no que se cumpren 100 anos do nacemento de Díaz Pardo e 60 da publicación en Arxentina de Memorias dun neno labrego, a obra senlleira de Neira Vilas.
O acto de presentación foi conducido polo secretario xeral de Política Lingüística que gabou esta publicación promovida pola Fundación Xosé Neira Vilas ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. “Aínda tendo personalidades distintas, as súas traxectorias, preferencias éticas e estéticas cruzáronse durante moitos anos tanto en Galicia como en América”, destacaba Valentín García.
Caderno de Gres está composto por dous eixos, o dos Encontros Literarios e o do Dietario Derradeiro. Nos Encontros Literarios, tomaron parte diversas figuras da cultura galega como Rosa Aneiros ou Antía Yáñez. En canto ao Dietario Derradeiro, este Caderno publica parcialmente o seu contido. No dietario, o autor narra os encontros con amigos e persoeiros da cultua, actos públicos, traballos e viaxes.
Dende a Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, cualificou este Caderno como “unha referencia ao caderno que escribía Balbino” que, por suposto, tiña que ser de Gres, o lugar “que Neira Vilas quixo levar polo mundo”.