Presentamos en Ames o documental ‘Promover o galego dende o local’

Nós Televisión presentou este luns 17 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro en Ames o novo documental sobre a lingua, ‘Promover o galego dende o local’, realizado co apoio do Concello de Ames, e con guión e dirección de Ana Viqueira que participou nesta proxección en primicia que xuntou a varios dos protagonistas da peza e da corporación municipal nun acto no que interviron, amais da directora, o Secreatrio Xeral da Lingua, Valentín García, o Alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, e María López Sández en representación da Real Academia Galega.

‘Promover o galego dende o local’ é unha produción de Nós Televisión que aborda as diversas iniciativas que o Concello de Ames desenvolve para promover o uso do noso idioma tendo como eixos principais o proxecto ‘Modo galego, actívao!’ realizado en colaboración coa Real Academia Galega, o Certame Literario, o proxecto Galetiktokers, e os Premios Lingua e Empresa. A peza conta coas voces de Henrique Monteagudo, Alonxo Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, Carmen Porto, Ana Belén Paz, Pilar Villaverde, María Cebey, Carlota Mera, Rosa Moreiras, Blas García, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.
O documental estrearase nas canles de Nós Televisión o 22 de novembro e poderá visionarse no youtube, na canle 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ en todo o Estado español.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego