Premios, obradoiros e charlas conmemoran o Día das Mulleres e das Nenas na Ciencia

O científico é aínda un sector que batalla pola igualdade de xénero. Por iso, co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, as institucións visibilizan a necesidade da introdución da ollada feminista no eido científico. Este é o caso da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de igualdade da universidade de Vigo que colaboran con investigadoras e docentes para conmemorar esta data con diversas actividades. O obxectivo é darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear referentes femininos na ciencia e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.

Ao longo da primeira quincena do mes de febreiro, ao redor de 34 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo ofrecerán a 36 centros educativos de toda Galicia un total de 73 charlas e obradoiros presenciais e virtuais.

Outro exemplo o coloca o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) que celebrará a entrega dos premios do concurso “Marie Tharp”, dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.

A Unidade de Igualdade, a través da Cátedra Feminismo 4.0 DEPO-UVigo, recoñece a alumnas destacadas do ámbito das STEM na Universidade de Vigo como unha forma de incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego