Remata o prazo de recepción de orixinais para tres dos premios literarios que convoca o Concello da Estrada: o Manuel García Barros de novela; o Avelina Valladares de poesía e o Premio Alberte Quiño de Álbum Ilustrado. Os interesados teñen as bases á súa disposición na páxina web do Concello da Estrada. A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, lembra que para os tres certames o prazo remata este 31 de xaneiro.
Estes galardóns condensan conxuntamente unha dotación económica de 15.000 euros. As tres convocatorias teñen como denominador común o feito de que, co impulso a estes certames, o Concello da Estrada amosa a súa sensibilidade co proceso cultural de Galicia, entendendo que un dos bens máis prezados da comunidade é o da creación literaria, un aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda non amplo desenvolvemento da propia identidade.
O premio Manuel García Barros chega a súa 38ª edición e a súa dotación económica é de 9.000 euros. O Premio de Poesía Avelina Valladares celebra neste 2026 tres décadas de historia. Os orixinais terán tema e forma libres, se ben os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Neste caso a dotación económica é de 2.000 euros.
Finalmente, o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi celebra este ano a súa sexta edición. Concibe o álbum infantil como o conxunto de texto e ilustración. Establécese un mínimo de oito páxinas rematadas. Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte textual e/ou gráfica. A súa dotación económica é de 4.000 euros.
A Estrada Literaria: memoria e canteira da literatura galega
A memoria literaria está presente no concello da Estrada onde existe un legado cultural se que permanece vivo a través de cinco premios literarios que impulsan a creación nos xéneros da poesía, novela, álbum ilustrado, xornalismo e no teatro. Manuel García Barros, xornalista e escritor anticaciquil, dá nome ao prestixio Premio á mellor novela. Un galardón que leva outorgándose desde 1989. Séguelle o Avelina Valladares, en poesía; o Manuel Daniel Varela Buxán en teatro, Manuel Reimóndez Portela, no xornalismo e o Alberte Quiñoi, que dá nome ao Premio de Álbum Ilustrado.
En Nós Televisión achegámonos ao CEIP do Foxo, no propio concello da Estrada, e abordamos xunto co profesor Xosé Luna, como inflúen os premios literarios na mocidade, e entramos na Casa das Letras con Carlos Loureiro para entender como se creou este amplo abano de galardóns. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, recíbenos na Casa do Concello para abordar o papel das institucións na xestión cultural e literaria local. Nesta reportaxe de Nós Televisión descubrimos tamén como entenden estes premios algunhas das últimas creadoras premiadas como é o caso de Abel Tomé, Premio García barros 2024 e Laura Cid, Premio Alberte Quiñoi 2023, con quen falamos na Fundación Eugenio Granell.



