Nós Televisión lanza novo programa de Música: Na Factoría

O bar O Transistor, en Bertamiráns (Rúa Pedregal, 4, nº 7, Bertamiráns, Ames) acolleu o mércores 11 de marzo a preestrea do primeiro capítulo da serie audiovisual Música na Factoría, unha colaboración de Nós Televisión e Concello de Ames, que pon o foco na creación musical que xorde arredor da Factoría e nos grupos que empregan este espazo de ensaio no concello de Ames. A entrada ao evento será libre ata completar aforo.

O capítulo inaugural conta coa participación do artista Luís Fercán e do grupo Glasgow 15, unha das bandas que ensaian actualmente na Factoría. Ao longo do episodio poderase coñecer máis de preto o traballo e a música de Glasgow 15 a través dunha reportaxe sobre a banda e os seus integrantes, así como dunha conversa entre a xornalista Xiana Arias e Luís Fercán.

Música na Factoría é un programa producido e realizado por Nós Televisión, dirixido e conducido pola xornalista e artista Xiana Arias, e conta cunha primeira tempada composta por catro capítulos de entre 20 e 30 minutos de duración que se difundirán ao longo deste 2026. Cada episodio combina unha reportaxe cun dos grupos que ensaian na Factoría, para dar a coñecer os seus proxectos musicais, cunha entrevista a artistas de referencia do panorama musical galego vinculados dalgún xeito co municipio de Ames.

Tras esta preestrea no Transistor, o primeiro capítulo estará dispoñible a partir do sábado 14 de marzo nas canles do Concello de Ames e tamén nas de Nós Televisión. O programa poderá verse na nosa canle de YouTube, ademais de contar con difusión e promoción a través da web e redes sociais de Nós Televisión. Así mesmo, estará dispoñible na plataforma de R para toda Galicia e en Movistar Plus+ para todo o Estado.

Con este proxecto audiovisual refórzase o papel da Factoría como espazo de creación cultural e musical, ao tempo que se impulsa a visibilidade das bandas emerxentes e se promove o intercambio de experiencias entre artistas consolidados e as novas xeracións da música galega.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego