Matria, a ópera prima de Álvaro Gago, chega este venres 24 de marzo a 60 salas de cinema de todo o territorio español e faino en versión orixinal galega, subtitulada fóra de Galicia. Convértese así na maior estrea comercial dun filme na nosa lingua, superando precedentes coma “O que arde”. Destas pantallas, 27 están en Galicia, no que supón o maior número de copias dun título galego nas nosas salas.
A película púxolle inicio á súa estrea comercial este xoves pasado ás 20h nos Cantones Cines da Coruña, nunha proxección de preestrea especial aberta ao público e que estivo totalmente ateigada. Contou coa presenza do seu director e reparto principal, encabezado por María Vázquez, que vén de gañar a Biznaga de Plata á mellor actriz do Festival de Málaga 2023. Matria tamén resultou gañadora do premio ASECAN á mellor opera prima deste festival.
O equipo do filme vai facer un esforzo especial por acompañar a película nos cinemas galegos durante toda a primeira semana da estrea, con presentacións e coloquios co público nas propias salas. O obxectivo, segundo o produtor Daniel Froiz, é facer de Matria “un grande acontecemento para a cultura galega que convoque nos cinemas a todo tipo de público, mesmo ao que non adoitar ir habitualmente ás salas”.
Para consultar a lista de cinemas confirmados nos que se pode ver a película, ENTRA AQUÍ