Maio mes do idioma, das Letras e de iniciativas poderosas en defensa do galego. En Ourense xurdiu hai uns días unha iniciativa popular que procura agradecer ás nosas crianzas que garden o máximo tesouro que temos: a nosa lingua.
Tras desta idea hai nais e pais mais tamén persoas que non as teñen e pensan no futuro lingüístico do país. “Cada vez é máis difícil manter o galego nos ambientes urbanos”, recoñece Miguel que participa nesta iniciativa, “fíxate que mal están as cousas que semella algo estraño escoitar galego nas crianzas, e as que o manteñen merecen todo o noso recoñecemento”.
Video e festa
Estes activistas preparan unha grande festa para o 17 de maio a partir das 11 horas no xardín do Posío en Ourense. Ese día haberá xogos, música, animación e un video editado coas mensaxes que reciban logo dun chamamento no que xa participaron Caxade, Ses, Victor Duplá ou Morris.
Solicitan videos de 5 a 10 segundos que se poden enviar por Whatsapp ao teléfono 615 78 23 14, Galegram ou correo electrónico. “A idea é proxectar un audiovisual con todos os videos que ceguen”, conta Miguel, “o obxectivo é o recoñecemento das crianzas galegofalantes”.
Contan cun blogue e tamén cun cancelo propio, #porquemepeta, e animan á xente a empregalo e subir os seus videos á redes sociais.