Este outono cúmprense trinta anos da fundación do movemento bravú, un movemento cultural e musical que o revolucionou todo en Galicia. Para conmemorar a efeméride, Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión.
O filme presentarase en Pontevedra o día venres 29 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, dentro da programación do Culturgal, nun evento aberto a todos públicos até completar aforo comprando a entrada do Culturgal. O evento pretende ser a gran festa do trinta aniversario do bravú na cidade de Pontevedra e ademais de poder asistir á presentación e ver o filme, todas as persoas poderán gozar do concerto en directo da Orquestra Bravú Xangai, que non estará soa, senón que subirá ao escenario co grupo musical Rager, do Proxecto Xerción Sónica de Pontevedra, un grupo formado por integrantes moi novas que versionaron este ano o mítico tema bravú dos 90 Estou na lavadora do Caimán do Río Tea, o cal poderemos escoitar en directo, entre outras sorpresas, nunha noite única para celebrar o bravú.
BRAVÚ XXX, a historia dunha victoria
BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.
Trátase dunha produción de Nós Televisión realizada co apoio económico do Concello de Pontevedra, do Concello da Coruña, do Concello de Chantada, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.
30 anos do Bravú: Cando as guitarras eléctricas casaron co galego
Nos anos 90, as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas e agromaban no país grupos de rock en galego, mais que non se coñecían entre si. O punto de inflexión márcao o 31 de outubro de 1994, cando cerca dunha ducia de grupos -como Os Diplomáticos de Monte Alto, os Papaqueixos, os Impresentables ou O Caimán do Río Tea- se reúnen na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, e crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.
Un movemento vivo: latexo bravú
Trinta anos despois daquel día, Xurxo Souto volverá á Taberna Caballero de Viana, en Chantada, con algúns dos co-fundadores do Bravú. Antes desa apoteose, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical.
Estrea en Nós Televisión, R e Movistar Plus+ en aberto o 11 de decembro
BRAVÚ XXX estrearase en Nós Televisión o 11 de decembro, antes de rematar o ano e para culminar toda unha serie de eventos que están a ter lugar por toda a xeografía galega para conmemorar o trinta aniversario deste movemento. A partir dese día, o documental estará dispoñible en aberto na canle de youtube de Nós Televisión; na canle 119 da plataforma de televisión de R para toda Galicia; e na plataforma de Movistar Plus+ de contidos baixo demanda para todo o Estado español.