Pontevedra acolle o 7 de xuño a entrega dos VI Premios Mil Primaveras

‘Modo galego, actívao!’, o programa integral de dinamización lingüística en diferentes ámbitos desenvolvido polo Concello de Ames e a Real Academia Galega; Brazolinda, iniciativa empresarial de creación de xogos de mesa en galego; Galego para peques, proxecto audiovisual dirixido á primeira infancia e Vitamina G, unha iniciativa educativa do CEIP Sagrada Familia da Coruña co galego como factor de integración e cohesión social recibirán o vindeiro 7 de xuño ás 11.30 horas, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, o seu galardón no marco da gala da sexta edición dos Premios Mil Privameras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

Premios Mil Primaveras

Estes premios teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal é o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.

A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde se poden consultar en detalle os proxectos recoñexidos nesta edición xunto cos 28 premiados nas cinco anteriores.

Acto de entrega da sexta edición dos Premios Mil Primaveras

O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) será o marco de entrega dos VI Premios Mil Primaveras, que terá lugar o sábado 7 de xuño ás 11.30 horas. Este evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.

A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Actuación de Atenea García

O acto de entrega de premios será conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.

Fundou, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, a compañía Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comezou a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con seis espectáculos en repertorio para público familiar.

En 2022 estreou o seu primeiro espectáculo de narración para público adulto, Vicio houbo sempre. E en 2025 ten en escena Bailen as vellas. Os contos das cereixas, unha proposta de narración oral para público adulto xunto a Vero Rilo que reivindica a literatura, a música e a poesía de transmisión oral.

Combina o seu labor como produtora, creadora e intérprete na compañía Xarope Tulú co seu traballo interpretativo para outras profesionais das artes escénicas. Forma parte da Asociación Galega de Narración Oral (NOGA).

Trofeo identificativo e diploma

Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos VI Premios Mil Primaveras (2024), que consistirá nunha peza artística elaborada por Coas Mans Artenanía.

Este obradoiro de cerámica e vidro fai pezas que responden ao desexo de protexer e valorar o noso patrimonio cultural. A arte rupestre, a arte románica e a paisaxe son os elementos que inspiran moitos dos seus traballos.

As cores teñen un protagonismo especial no deseño das pezas. Suxiren vivencias, sentimentos, recordos, sensacións. A través da súa harmonía buscan espertar o sorriso en que as contemple.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego