Ponte nas Ondas! recibirá este xoves o Premio Especial do Xurado na Gala aRi[t]mar

Xisco Feijóo, Ana Moura, Lúa Mosquetera e Wilma Vieira collerán os seus galardóns

Este xoves, 15 de decembro, desenvolverase a Gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas no Teatro Principal de Compostela na que se farán entrega dos galardóns desta edición 2022.

Na cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus premios por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe.

O proxecto cultural Ponte… nas ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.

A gala estará conducida por dúas caras coñecidas do mundo do espectáculo: Fran Rei e Isabel Risco. Ademais, contará coas actuacións en directo da artista setubalense A garota não e da galega Catuxa Salom, mentres que Mosquetera e Vieira porán a nota poética ao evento.

As persoas interesadas en asistir poderán recoller de balde as entradas no web de Compostela Cultura. Tamén poderán retirarse no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (rúa do Preguntoiro, 1) e do Teatro Principal, aberto este último o mesmo día do evento ata unha hora antes do comezo do mesmo

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego