O xurado do certame aRi[t]mar galiza e portugal outorgoulle á asociación ‘Ponte… nas Ondas!‘ o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022. É un recoñecemento outorgado por medio de resolución directa do xurado e pretende salientar o traballo de todo aquel que contribúe a achegar as culturas galega e portuguesa.
Ponte… nas Ondas!
Coa finalidade de promover a existencia dunha identidade común entre os pobos galego e portugués, ‘Ponte… nas Ondas!’ leva máis de vinte e cinco anos organizando actividades culturais e pedagóxicas en Galicia e na zona norte de Portugal. Esta entidade creada en 1995 naceu aproveitando a construción dunha ponte física entre as localidades de Monçao e Salvaterra de Miño a través da radio.
A primeira actividade levárona a cabo 16 escolas de ambas as dúas beiras do Miño, utlizando os estudos Ecos da Raia de Monção e outros situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño. Foron numerosos os galardóns recibidos por esta iniciativa antes de obter o recoñecemento do aRi[t]mar galiza e portugal. Entre os premios máis importantes cóntanse un Premio ONDAS, acadado no ano 2014 pola “mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués”, e o Premio Galicia de Comunicación, outorgado no 2005 pola Xunta.