A Mesa pola Normalización Lingüística considera “un triunfo da sociedade galega” a chegada das novas plataformas dixitais da CRTVG, agalega.gal e xabarin.gal. A Secretaria Xeral da Mesa, Xela Armas, participou na inauguración das novas canles, coas que a compañía de radio e televisión pública “comeza a cumprir o acordo aprobado por unanimidade polo Parlamento galego en maio de 2022”.
A nova plataforma dixital incorpora 1400 contidos na nosa lingua que o público poderá ver en aberto, ademais de dúas aplicacións que se poden descargar de xeito individual: A Galega Audio e Xabarín.
“Foron as 33000 persoas que asinaron a Iniciativa Xabarín e todos os concellos e entidades sociais que apoiaron a proposta as que impulsaron este triunfo da sociedade galega que hoxe celebramos”, afirmou Xela Armas. Nese sentido, a Secretaria Xeral da Mesa lembrou que o Estado debe facer cumprir a Lei audiovisual a todas as operadoras e plataformas, “comezando por TVE que só emite en galego 25 minutos diarios de 120 horas totais e dous títulos en RTVE Play dos catro con VO en galego”.