Despois do documental Escoitar, aprender e compartir, a asociación cultural Pesquedellas segue empeñada en buscar a potencia unificadora do folclore entre a mocidade galega. A última iniciativa destas mozas, cuxa idade media non supera os 25 anos, é a recuperación dos Xogos Florais de Betanzos, titulados “Unha fala un cantar”. Nesta ocasión propuxéronse crear un espazo de diálogo no que se propoñan novos xeitos de entender a tradición. Adecuar as coplas á realidade actual, repensar o uso do traxe tradicional ou reivindicar que co “baile solto se liga o mesmo que cun agarrado”, foron os abxectivos das Pesquedellas nesta ocasión.
A temática desta primeira edición dos Xogos Florais, numerada como 0 porque quixeron comezar “amodiño e con boa letra”, foi a da poesía de transmisión oral. Por iso a primeira xornada do día 18 de setembro estivo adicada á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e ao seu libro Cancioneiro musical galego. Proxectaron o documentario Dorothé na vila de Olaia Tubío e Alejandro Gándara aos que entrevistaron.
Na parte musical foron Richi Casás e Fran Barcia os encargados de reinterpretar o repertorio popular recollido por Dorothé Schubart, desta vez a través das sonoridades do jazz.
Nas dúas primeiras xornadas dos Xogos Florais, as e os betanceiros tiveron a oportunidade de descubrir os múltiples significados do traxe tradicional a través do concerto didáctico de Montse Rivera, Contoche un traxe.
Os primeiros Xogos Florais de Betanzos desta nova época pecháronse a fin de semana do 25 e 26 de setembro. O sábado celebrouse o I Slam Poetry e o domingo tivo lugar a entrega de premios aos gañadores deste. Clara Blanco Veres foi a gañadora do primeiro premio co poema “Avelina”, e Francisco López Bermúdez (Fuco) obtivo o segundo lugar coa obra “Requiem pola minha freguesia”. A enrega de premios estivo acompañada da música do dúo Caamaño e Ameixeiras.
Todos os vídeos son do Proxecto Pesquedellas e a foto de encabezamento de Roque Gómez Teijo.