O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá este venres, 14 de abril ás 11.15 horas, a celebración na que se entregarán os premios da sexta edición do certame Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que pon así o broche de ouro á súa sexta edición.
A esta cita acudirán unha trintena de centros de ensino de toda Galicia ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; a regueifeira Lupe Blanco; e a regueifeira e música Olalla Liñares, a gala será unha viaxe polo mundo da improvisación oral en verso, e incluirá tamén unha actuación musical de O Rabelo e High Paw.
O acto contará con dúas intérpretes de lingua de signos co fin de garantir a accesibilidade para as persoas con discapacidade auditiva. O Enreguéifate e a Regueifesta son dúas iniciativas colectivas que procuran revitalizar a improvisación oral en verso para contribuír á promoción do uso da lingua galega, especialmente na infancia e xuventude.
O Enreguéifate, promovido por un total de cinco concellos galegos, desenvolveu nesta sexta edición obradoiros de formación para profesorado e estudantes e un certame de regueifas en vídeo no que participaron máis de 40 propostas entre a categoría escolar e a xeral, das que 12 recollerán o seu galardón na gala deste venres:
Categoría Xeral
• A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela – “Tempo de notas”
• A máis aguda: Iván e Aroa – “Regueifa da Adolescencia”
• A máis diversa: Intercontinental – “Café con leite”
• A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho – “A regueifa pedra Angular- freestile”
• A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo – “Fachenda da nosa terra”
• A mellor cantada: Chámame lexión – “Regueifa co espello”
Categoría Escolar
• A máis brava: Vivantistas de Dodro – “Interxerando”
• A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas – “A Neira Horta”
• A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios – “Superheroes do cotián”
• A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs – “Regueixornal”
• A mellor falada: Uxía e María do Camballón – “A nosa lingua”
• A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño – “Rosalía”
A Regueifesta naceu no curso 2015-2016 co impulso de dous institutos -o IES de Baio e o IES de Vila de Cruces- e, co apoio da Asociación ORAL e da Escola Semente, e creou un pequeno movemento de dinamización do repente galego entre as novas xeracións. Este movemento, que procura identificar valores da sociedade actual -autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, visión internacional do idioma etc.- co uso normal da lingua galega nos espazos vitais da xente nova, é posible grazas á participación de ducias de centros de ensino -e profesorado comprometido- que fan uso da regueifa como ferramenta de transformación social. A festa da regueifa ou Regueifesta suporá o peche festivo a esta nova edición do proxecto.