A Mesa pola Normalización Lingüística ven de lanzar o xogo Pensatermos, a versión galega do Paurologic, unha idea de Jordi Palau desenvolta por Pere Orga para Rodamots.
Varias socias e socios da Mesa en Cataluña son as responsábeis de que a Mesa se lanzase a facer unha versión adaptada ao galego do xogo que está a arrasar por aquelas terras, o Paurologic. A Real Academia Galega e o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo facilitaron toda a terminoloxía que recollen os seus dicionarios, contribuíndo deste xeito á base de datos coa que se forman as palabras do xogo.
A xogar!
Pensatermos, un xogo gratuíto, consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non seren formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.