A Universidade de Vigo lanza cara este 8 de marzo o lema ‘Peneirando as desigualdades, cara a un horizonte feminista‘, unha frase que busca conectar valores transformadores como o feminismo e o ecoloxismo.
A UVigo salienta como desde hai décadas o ecofeminismo destaca os vínculos entre a subordinación das mulleres e a sobreexplotación e a degradación da natureza, e como ambas empeoran as condicións da vida en todo o planeta. “A desigualdade de xénero e as violencias machistas, as catástrofes ecocidas ou mesmo os xenocidios contemporáneos responden a este pensamento zombi”, destacan.
Campaña a prol da igualdade da UVigo
Seguindo o ronsel dos movementos de activismo e dos coidados encabezados por mulleres, desde as mariscadoras galegas que limpan a nosa costa ata as feministas defensoras do territorio do sur global, este ano a Universidade de Vigo quere facer un chamamento á paixón e ao entusiasmo creativo feministas para acabar coa contaminación sexista e invocan a unha ampla e diversa xenealoxía con referentes como Christine de Pizán, Alice Guy ou Ursula K Le Guin.
“O imposible é o que non se intenta”, destacan. “O pensamento feminista é emancipatorio e axúdanos a achegarnos a ese horizonte utópico, trazar mapas, construír escalas, restablecer pontes rotas e descubrir novas rutas cara a un mundo libre de ataduras patriarcais, en harmonía coa natureza, nun planeta vivo que precisa xa dunha transformación”, sosteñen desde a Universidade que chaman a continuar a camiñar pola igualdade cara este 8M.