Pedro Feijóo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo, Premios Xerais 2023

Os Premios Xerais 2023 xa teñen nome e apelido. As obras cos títulos Ninguén contará a verdade, Furia e A botella de lentellas resultaron as gañadoras do XL Premio Xerais de Novela, o XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil. Detrás delas atópanse Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, respectivamente.

Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo, Premio Xerais de Novela 2023

O xurado define a obra gañadora, ‘Ninguén contará a verdade’, como un texto de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias no cal se evidencia un gran traballo de investigación por parte do autor ou autora e onde calquera lector ou lectora pode atopar referentes reais. Trátase dunha novela coral en que todos os personaxes
adquiren unha relevancia extraordinaria e cuxas voces son tratadas de forma maxistral por un narrador que adopta o punto de vista de cada un deles concedéndolles unha caracterización case cinematográfica. Uns diálogos sen fisuras, un ritmo áxil, a meticulosa descrición dos espazos, a reflexionada estrutura e a atmosfera que paira sobre toda a narración dan como resultado a obra merecedora do cuadraxésimo Premio Xerais de Novela neste ano 2023.

Furia, de María Reimóndez, Premio Jules Verne 2023

Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha rapaza de 16 anos, muda de cidade para vivir coa súa tía avoa. A rabia contida da protagonista será canalizada a través do boxeo, un deporte estigmatizado que se converterá na súa táboa de salvación facendo mesmo que deixe o instituto para dedicarse a el a tempo completo. É precisamente grazas ao boxeo polo que coñece a M, unha muller de 47 anos a quen fará partícipe do seu conflito familiar, das frustracións propias da adolescencia e dos primeiros amores.

XXVIII Premio Merlín, A botella de lentellas de Leticia Barbadillo Vázquez

Manuel é un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha residencia. O martes de Entroido, bota en falta as orellas que lle preparaba a avoa e decide facer el unhas poucas. Como quere seguir a receita exacta da avoa, emprega a súa botella chea de lentellas para estiralas, que acaba escachando e estrando de legumes o chan.

Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O Parador de Baiona, que xa acolleu as primeiras edicións do acto de entrega dos Premios Xerais, é o lugar escollido para a celebración.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego