“Para unha comunidade é importante estar informada na súa lingua”

Grande Amore e Ortiga actuarán este xoves 9 de febreiro na Sala Capitol de Compostela para celebrar o Día dos Medios en Galego, unha data organizada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA), á que pertence Nós Televisión, e que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua, ‘O Tío Marcos d’A Portela’.

Na rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contouse coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García (de Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore que destacou que “para unha comunidade é importante estar informada na súa lingua”.

Arrincou a rolda Pablo García, agradecendo a colaboración dende o primeiro da SXPL, así como do Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña. “Nos últimos anos consolidamos en Galicia unha rede estable de medios de comunicación que constitúen un soporte para unha información veraz, plural e participativa en galego. Os medios en galego contribuímos á existencia dunha oferta informativa real na nosa contorna e da nosa contorna, cunha ollada galega.”.

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón, tomou a palabra poñendo o foco en que “o futuro xa está aquí, con Grande Amore e Ortiga”, como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo patente esa conexión coa xente máis moza.

“É tan importante reivindicar este día para visibilizar esa eiva de que a meirande parte da oferta informativa está en castelán e que os datos do uso do galego son moi comprometidos, onde a perda de galegofalantes se acentúa sobre todo nas novas xeracións. Semella que o 50% da docencia en galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fora desta porcentaxe”.

Lembrou que “o Concello de Santiago foi pioneiro nos anos 80 na normalización lingüística, e seguímolo facendo, a través dos espazos máis tradicionais e dende o eido empresarial e económico”.

Valentín García dou a benvida ao Pazo de San Roque, ao “Pazo da Lingua, que se pon de gala para recibir aos medios en galego, fundamentais no proceso de normalización”. Lembrou a data que lembra o día de hoxe, e reflexionou sobre se “Valentín Lamas Carbajal soñou cun Tio Marcos da Portela en galego, e malia que a realidade é que tivemos que agardar moitos anos para que o galego estea nos medios, agora temos que celebralo”. Destacou a cifra de 130 medios na nosa lingua, “un dato para estar orgullosos, pero non para baixar a intensidade. Nunca houbo tantos medios como agora na nosa lingua, pero todas as administracións temos que seguir fomentando a creación de información nos medios Máis próximos á mocidade, como redes sociais, dixitais, radios, tv… Porque recibir información na nosa lingua é como recibir unha información máis nosa”.

Destacouo o proceso de mellora dos eventos polo Día dso Medios en Galego, dende aquel 2018 Barallobre ata este minifestival na Sala Capitol. “Vale máis o que diga Grande Amore ou Ortiga nun escenario que o que diga o Secretario Xeral de Política Lingüística en calquera foro. Eles representan ese sector onde nos costa máis chegar”.

Grande Amore e Ortiga polos Medios en Galego

Grande Amore e Ortiga reflexionaron sobre o bo momento da música galega contemporánea. “É verdade que temos un foco enriba, de que “mola” cantar en galego. Pero tamén vemos que aínda existe iso de “Guau… y lo haces en gallego”. Non sei se iso chagará a cambiar nunca”, comentou Ortiga. “Eu, se un tema me sae en galego, en galego, se me sae en castellano, en castellano. A sociedade ten que evolucionar. Creo que iso é normalizar. Aínda me preguntan “Por que en galego?” Pero que pregunta é esa?!”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego