‘Para rede, a nosa!’, así chega o proxecto Youtubeiras á sexta edición dos seus premios

O youtube en galego crece cada día. As youtubeiras e youtubeiros, que día a día atopan oco en Nós Televisión a través da páxina web ou no 119 de R, son cada vez máis imprescindibles á hora de expandir o noso idioma e xerar contido de diversas temáticas na rede. Para impulsar este youtube en galego con temáticas e formatos diversos naceu o proxecto Youtubeiras organizado polos servizos de  normalización lingüística de once concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña.

Youtubeiras chega ao 2022 coa sexta edición dos seus premios cos que queren facer crecer a comunidade creadora. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.

‘Para rede, a nosa!’

O lema deste 2022, ‘Para rede, a nosa!’, non só simboliza o orgullo da rede de creadoras no Youtube senón que se une á expansión da nosa lingua noutras plataformas como é o Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch.

Na recuperación da presencialidade, o primeiro encontro presencial será o creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiras, youtubeiros e youtubeires. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistiren, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras xa que as prazas son limitadas.

A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.

Premios Youtubeiras

Para acceder ás bases dos VI Premios Youtubeiras debes acceder á web do proxecto. Este ano haberá varias novidades entre as que destaca a participación de canles cun único vídeo publicado e unha reestruturación de categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.

Organización

Un ano máis a iniciativa está organizada por servizos de normalización lingüística de diferentes administracións; en concreto os dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, os das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e o da Deputación da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego