O grupo de música tradicional Ailá lanzou nestas festas oito panxoliñas tradicionais que compoñen Ailá de Nadal no marco da campaña en rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten o álbum íntegro na súa canle de Youtube.
Ailá de Nadal recolle cancións de aguinaldo como Aninovo de 1860, peza recollida no cancioneiro de Marcial Valladares. Cada unha das pezas conta con información de contexto sobre a súa orixe e recollida ademais de incluír a letra.
Ailá, a enerxía do tradicional
A formación habitual de Ailá, Ángela Carou (voz e percusión), Manuele Pardo (voz, percusións e gaita), Abel Gañete (trompeta e fliscorno) e Xan Pampín (acordeón, bombo e pianos) corren coas interpretacións desta proposta. Canda a eles, o grupo contou con colaboracións como as voces de Antía Vazquez e máis Uxía e Andreas Cabanas canda ás interpretacións de Pedro Pascual en mandolina, guitarras ou bouzuki.