‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’ arranca mañá na cidade con ‘Trece badaladas’

As xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’ desenvolveranse dende o venres 29 de setembro ata o domingo 1 de outubro cun amplo abano de activididades nas que se inclúen concertos, rutas, conferencias e mesmo un obradoiro teatral co obxectivo de abordar os lazos entre a literatura e Compostela a través de tres obras senlleiras: Trece badaladas de Suso de Toro, Doentes de Roberto Vidal Bolaño e Seis poemas galegos de Federico García Lorca.

Trátase dun evento organizado polo estudante da USC Daniel Chapela e que conta co patrocinio da Universidade, da Xunta de Galicia e do Consello do Estudantado da USC.

Unha cidade de cinema

O Salón Teatro, o Babylon Garden, as escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia, a praza das Pratarías e o conxunto da zona vella serán testemuña dunhas xornadas que integran 16 actividades e máis de 20 participantes. En palabras do organizador, o estudante da USC, Daniel Chapela, “é unha homenaxe literaria a obras e figuras cun forte impacto na cidade, tendo en Vidal Bolaño e na súa pulsión teatral o mellor exemplo”. Así, sinalou que a “xoia da coroa” será un obradoiro teatral con fragmentos da obra teatral de Bolaño a cargo de Mónica Camaño e Zé Paredes, que terá lugar no Salón Teatro o venres en horario de 17.00 a 20.00 horas, o sábado de 10.00 a 20.00 horas e o domingo de 10.00 a 19.00 horas. Esta actividade, ademais, enlaza co propio peche das xornadas, un ensaio aberto ao público no Salón Teatro.

Ademais, realizaranse tres obradoiros de escrita en relación ás tres obras, coordinados por Anna R. Figueiredo, Vanesa Sotelo e Míriam Ferradáns; relatorios a cargo de Dolores Vilavedra, Malores Villanueva e Miguel García-Fernández; unha mesa redonda con Inma López Silva e Afonso Becerra; rutas literarias con Roi Vidal Ponte e Lito Vila Baleato; un recital con Marilar Aleixandre, Iria Pinheiro, Ana Lorenzo e Daniel Chapela; proxeccións de cine con coloquios; unha presentación con Henrique Alvarellos e Andrea Valle; e un concerto do grupo Algarada.

As actividades, que son de balde,  e contan co patrocinio da Universidade de Santiago de Compostela, da Xunta de Galicia e do Consello do Estudantado da USC, requiren inscrición previa.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego