Na parroquia coruñesa de Oza queren recuperar o seu litoral e, por iso, impulsaron un proxecto co obxectivo de decidir sobre o futuro da súa fachada marítima. Na actualidade estase a discutir o futuro dos terreos que se liberarán co traslado de instalacións ao porto de Punta Langosteira e desde o barrio teñen importantes ideas sobre como poderían recuperar esta zona para a veciñanza. Nós Televisión visita Oza para conversar coa súa veciñanza.
Limpoil: no punto de mira
No ano 2017, a empresa Limpoil decide instalar na zona unha planta de almacenaxe e pretratamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao de Oza. O proxecto afectaría á Ría do Burgo e estaría situado a menos de 500 metros de bancos de produción marisqueira, ao carón de concurridas praias e dun complexo náutico deportivo.
A asociación de veciñas e veciños de Oza xa amosou o seu total rexeitamento a esta instalación e mobilizou ás formacións políticas para que actuaran. Ademais, os concellos da Coruña, Cambre e Oleiros tamén rexeitaron un proxecto situado nunha zona tan sensible como é a Ría do Burgo. Especialmente activa é a oposición do Concello de Oleiros que, desde hai máis de 15 anos, libra unha batalla xudicial contra os abusos da empresa.