A Sala de Exposicións Afundación de Ourense acolle este mércores 21 de maio ás 12 horas a inauguración da exposición ‘Crear Porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia (1950-2025)’ que poderá visitarse ata o 28 de xuño. A entrada é libre ata completar capacidade.
Que podes atopar na mostra?
Grazas á exposición, as visitantes poden atoparse co labor de autoras e autores vinculados á fundación da Editorial, como son Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro; posteriores editores e directores de Galaxia, como Carlos Casares ou Víctor Freixanes; ademais de autoras e autores xa considerados clásicos, Castelao ou Eduardo Blanco Amor, e autorías vinculadas a Galaxia que foron marcando cada unha das súas traxectorias a través das décadas como Xohana Torres, Fina Casalderrey, Domingo Villar…
Ademais, pódense descubrir os títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia. Deste xeito, a mostra artéllase en catro bloques que fían a historia desde o noso Rexurdimento ata a xeración do novo milenio.
Nesta exposición, Galaxia continúa vinculándose cunha estratexia de múltiples formatos e conta cunha peza audiovisual realizada por Nós Televisión onde diferentes persoas vinculadas á cultura galega, e en concreto á historia de Galaxia, abordan a produción literaria desta casa editorial. Figuran persoas de diferentes xeracións como Xesús Alonso Montero, Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Antía Yáñez, Dolores Vilavedra ou Ramón Villares, entre outras.



