‘Don Paco, o pícaro argalleiro‘ é a exposición creada polo museo ‘O recuncho das argalladas‘ para homenaxear a Francisco Fernández del Riego neste Día das Letras Galegas 2023. A exposición sobre os xogos e xoguetes de Fernández del Riego inaugurouse este sábado, día 22 de abril, nas instalacións do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, coa presidencia do Secretario Xeral de Política Lingüística e a Alcaldesa de Lourenzá
A exposición foi creada polo museo ‘O recuncho das argalladas‘, entidade con sede en Vilanova de Lourenzá e integrada no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, e a Mesa Coordinadora Don Paco Letras Galegas 2023 de Lourenzá.
Trátase da primeira ocasión na que, dentro da programación de actividades dun Día das Letras se inclúe unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado.