A Fundación Rosalía de Castro e o Concello da Coruña presentaron en rolda de prensa o último número da revista Follas Novas de estudos rosalianos, que nesta ocasión se centra na relación da autora con Portugal, aínda que tamén inclúe artigos doutra temática, como a presenza da familia Murguía Castro na Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey queremos preservar e divulgar os fortes vínculos de Rosalía de Castro coa cidade da Coruña e esta colaboración coa súa Fundación permitirá facelo”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, durante a rolda de prensa.
Tamén participaron nesta presentación Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e o académico Xosé Luís Axeitos, director da publicación. Trátase da primeira vez que o Concello colabora con esta publicación da Fundación Rosalía de Castro. O número 9 da revista de estudos rosalianos conta con numerosos artigos arredor da relación de Rosalía de Castro con Portugal, asinados tanto por investigadores portugueses coma galegos, desde o retrato da autora por José de Brito, unha biografía inédita, a homenaxe no Porto en 1954 e a última que tivo lugar en 2024 polo setenta aniversario.
Entre as contribucións doutra temática destaca o artigo da musicóloga Margarita Viso sobre a pegada de Rosalía na Coruña, onde residiu brevemente entre 1871 e 1875, mais que foi a cidade elixida polo súa familia logo do seu pasamento. O sentir cidadán polas figuras de Rosalía e de Murguía plasmouse en diversas ocasións e en diversos ámbitos. Follas Novas conta entre os seus contribuidores a investigadores de Portugal (José André Ponte da Luz e Isabel Cristina Mateus), Arxentina (Irene Jones) e Galicia: Anxos García Fonte, Xurxo Martínez, Olivia Novoa e María Jesús Botana, entre outros.