O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a gala de entrega de premios da sétima edición do certame Galetiktokers. E se os ailalá xa os cantasen os árabes?, A microtoponimia, As bolboretas xogan con ilusións ópticas cando voan, Dirección xeral do running, Ás veces eu esquezo e Profesora de galego (onte, hoxe e mañá) son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2026.
O evento estivo presentado pola xornalista e creadora de contido en galego, Paula Cantelar, e polo creador de contido en galego, David Ramos. Ademais, a gala contou con música en directo coa actuación musical de Xmaseda65.
Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos políticos municipais con representación na Corporación municipal. O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, explicou que “é fundamental fomentar o uso do galego en todas as idades e en todos os ámbitos da sociedade. O galego debe estar presente tanto nas aulas como nas familias, na cultura, no deporte, no lecer e tamén nas redes sociais. Iniciativas como Galetiktokers axudan a achegar a lingua á mocidade, pero a súa promoción é unha responsabilidade colectiva. O futuro do galego constrúese empregándoo con naturalidade cada día”.
40 vídeos creados por 78 mozos/as
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 16 vídeos que foron creados por 53 participantes, mentres que na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) houbo outros 24 vídeos admitidos, realizados por 25 persoas.
Nesta edición o xurado estivo composto por Paula Pérez Cantelar, xornalista e creadora de contido en galego; David Ramos Arcos, creador de contido en galego; e Noelia Francisco Lens, experta en comunicación e produción audiovisual. En representación do Concello de Ames, actuou como secretaria a técnica de Mocidade e Información Xuvenil, Pilar Villaverde Cutrín. Tamén participaron en representación do Concello de Ames a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro, e maila bolseira do Servizo de Normalización Lingüística, Paula Varela Díaz.
Premios do xurado: primeira categoría
Na primeira categoría (mozas/os de 13 a 17 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle un premio de 300 euros a peza E se os ailalá xa os cantasen os árabes?, de Rita Lago Moreno. Este vídeo destaca pola súa elevada calidade visual e sonora, así como pola montaxe e orixinal idea, que destaca polo ritmo, humor e rigor. Cómpre salientar tamén a súa alta calidade lingüística.
Dentro desta mesma categoría tamén foi premiada con outros 300 euros a peza A microtoponimia, de María Rodríguez Maroño e Tiago Díaz Domínguez. Trátase dun vídeo que crea unha reivindicación orixinal e necesaria sobre a toponimia a través do humor e dunha conversa áxil e natural. Destaca a riqueza léxica e linguaxe coidada.
Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
-Elas tamén abriron camiño, de Aitana Rodríguez González e Carol Oubiña Cascallar.
-Tradutor político galego, de Nikol Araújo Loureiro e Sofía Meixus Álvarez.
-Dame1Dame1, de Chiara Hernández Placer, Elisa May Burkinshaw e Mariña Puga Pau-
los.
-Un club de lectura diferente, de Borja Iglesias Diéguez, Bruno Gómez Costa, Mateo
Durán Lafuente e Iago Nogueira Novoa.
Premios do xurado: segunda categoría
Na segunda categoría (mozos/as de 18 en adiante) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza As bolboretas xogan con ilusións ópticas cando voan, de Yeray Folgar Cameán. Esta peza caracterízase pola divulgación científica de alto nivel en galego. Mentres explica un estudo sobre bolboretas, Yeray demostra que o galego é unha lingua perfecta para a ciencia e que a divulgación pode ser rigorosa e atractiva á vez.
Nesta mesma categoría tamén foi galardoado cun premio de 300 euros o vídeo Dirección xeral do running, de Diego Vázquez Feijóo. O vídeo converte unha afección cotiá como ir correr nunha parodia de burocracia. Ten ritmo, enxeño e unha idea redonda que demostra que, para facer rir, a creatividade vale máis que o orzamento.
Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
-Casa de remo de Cangas, de Ana Blanco Bernárdez.
-Un hórreo galego en Madrid, de Leticia Mayán Rodríguez.
-A onde van os galegos cando morren?, de Marta Fernández Díaz.
-A cultura das festas galegas, de Pablo Godón Danza.
-Quérennos roubar o outono, de Nicolás Hermida López.
Premios do público
Os outros dous premios, escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames, foron na primeira categoría, o vídeo Ás veces eu esquezo, de Leire Rey Piñeiro, Noelia Cabrera Bussi, Rubén Vilas Crespo e Martina Portela Da Silva, cun alcance de 15.671; e na segunda categoría, a peza Profesora de galego (onte, hoxe e mañá), de Marisa Moreda Leirado, cun alcance de 47.142. Estas dúas creacións foron premiadas con 300 euros cada unha.
Cómpre destacar que nesta edición para outorgar o premio do público mediuse o alcance de cada vídeo (é dicir, o número de persoas distintas, a través das súas contas de Instagram, que viron un vídeo polo menos unha vez). Deste xeito, os dous vídeos con maior alcance ou máis virais (contas únicas que o viron), de cada categoría, son os que levaron o premio do público.



