Os V Premios Mil Primaveras entregaranse este sábado en Pontevedra

Os Premios Mil Primaveras volverán encher este sábado, 8 de xuño, o Pazo da Cultura de Pontevedra na entrega de galardóns da súa quinta edición que será enfiada polas artistas Rilo & Penadique.

No acto de entrega recoñeceranse os catro proxectos escollidos polo xurado nesta quinta edición: Aquí tamén se fala (programa do IES Rafael Dieste da Coruña que promove a concienciación sobre o emprego da lingua na sociedade), CeibaRimas (iniciativa da produtora Merenda Creativa para impulsar o emprego da lingua na mocidade a través da improvisación oral en verso), Elos. Engánchate ao galego! (proxecto do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela para favorecer a conversa informal en galego con persoas que queren aprender a nosa lingua) e Recuncho Gamer (iniciativa centrada no ámbito dos videoxogos, a cultura popular do momento).

Entrega de premios

O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) será o marco de entrega dos V Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de xuño ás 19.30 horas. Este evento promovido pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.

A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego