O lado máis íntimo e familiar de Vicente Risco centra o quinto e último capítulo da serie os Trazos de Risco, producida e realizada por Nós Televisión para conmemorar o 140 aniversario do nacemento deste autor.
Nesta nova conversa, os protagonistas que se sentan para falar no escenario do Teatro Principal de Ourense son a actriz Isabel Risco e o investigador e ex presidente da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez-Risco. Ambos os dous son, ademais, sobriños netos do autor da Xeración Nós. Durante a conversa, abordan como souberon de Vicente Risco na familia, o que lles contaban na casa, o que sentían cara a el e moitos máis aspectos.
Con este quinto capítulo, remata esta serie de conversas. Todas elas están dispoñibles na canle de youtube de Nós Televisión. Feita co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingúística da Xunta, da Deputación de Ourense e da Fundación Vicente Risco, os outros capítulos de Os Trazos de Risco están protagonizados por Valentín García e Celia Pereira; Patricia Arias Chachero e Iria-Friné Rivera Vázquez; Serxio María Rodríguez Álvarez e Bieito Iglesias; e Cástor Castro Vicente e Afonso Vázquez-Monxardín, enfocados n súa figura desde o punto de vista institucional, na súa arte, na súa teoría política e na súa espiritualidade.