O pasado sábado, 17 de febreiro, celebrouse no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala de entrega dos Premios Youtubeira,s un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña que busca fomentar a creación en galego en YouTube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
A creación destes premios non só favorece a creación de contidos en galego no Youtube senón que tamén consegue incrementar a súa calidade e impulsar unha rede de creadoras e creadores de contidos. Por exemplo, nesta edición presentáronse 68 canles diferentes, ás que hai que sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais, o que supón máis de 32.400 minutos de contidos en galego en Youtube.
Premiados dos Youtubeiras 2023
O premio Canle recoñeceu este ano a OU Ké!. O xurado escolleu esta Canle pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”.
O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer. Os membros do xurado salientaron a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”.
O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast, pola súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”. Tamén subliñou a súa aposta por “crear un universo transmedia con presenza nas tres redes máis empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)”.
O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, e a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.
O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario, en recoñecemento á súa “capacidade de difusión” e á súa “conexión coa lusofonía, así como “polo coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.
O premio Pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local.
O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”. Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar “un tecido asociativo arredor do youtube en galego”.
Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, “púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado”.