A gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares chegará este xoves, a partir das 20.30 horas, ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña. “Teremos unha gala con circo, con clown, con monicreques e con complicidade con outros xéneros, todo para entreter os entretedores, xa que por un día, durante os María Casares, a profesión teatral como colectivo se converte no máis importante deste oficio: no público. E farémolo dende ás marxes, dende a periferia da periferia do sector teatral” explicou Marcos Ptt, director da gala rolda de prensa no Concello da Coruña xunto ao primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, Juan Borrego; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Arantza Villar.
Este ano os Premios María Casares ampliaron as súas categorías ao pasar de 14 a 16 para incluír así o premio á dirección do movemento e o premio ao espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. “Estes dous novos premios, que fan os María Casares máis globais, son o motivo sobre o que artellamos a gala que veremos este xoves”, concluíu o director do espectáculo.
Sobre a ampliación de categorías tamén se manifestou Arantza Villar, secretaria da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que organiza os premios dende a súa posta en marcha en 1997. “Este ano mudamos as bases co obxectivo de ampliar horizontes, de modernizar o certame e adaptarnos ás novas correntes artísticas que definen hoxe por hoxe a nosa produción escénica”, sinalou Villar, quen tamén lembrou que os tradicionais apartados de escenografía e música orixinal deron paso aos de espazo escénico e espazo sonoro respectivamente.
Quince obras finalistas
O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, aspira neste 2023 a levar nove premios María Casares (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).
Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, pelexará por seis galardóns (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe), como tamén o fará O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).
Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).
Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.
Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de mircromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).