Os medios en galego reivindican o seu día con música, roteiros xornalísticos e unha guía didáctica

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día 7 de febreiro coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.

Nesta nova edición, AMEGA presenta un programa composto por varias actividades e celebracións relacionadas coa nosa lingua. En primeiro lugar a asociación organiza ao longo do mes de febreiro un conxunto de roteiros xornalísticos por varias vilas do país nos que se visitarán lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados por expertos na temática e amenizado por bandas musicais. A

Ademais, presenta unha guía didáctica para que o profesorado galego poida incluír contidos relacionados co pasado e o presente dos medios en galego, que leva por título “Coñecendo os medios en galego” co que se quere conmemorar o 175º aniversario de Valentín Lamas Carvajal. Por último, AMEGA repite na organización dun evento musical para reivindicar o uso da lingua no que as protagonistas serán Fillas de Cassandra e De Ninghures, e os concertos celebraranse o vindeiro xoves 22 de febreiro na Sala Inn Club da Coruña a partir das 21h.

Pablo García indicou que “O Día dos Medios en Galego é un día de reivindicación pero tamén de celebración. E que AMEGA, segue tendendo pontes cunha serie de actividades que queren dignificar a labor dos medios en galego e achegalos aos máis novos”.

Valentín García póla súa banda, resaltou o acerto de AMEGA coa planificación destas actividades e “a impotancia de chegar á xente nova, que é algo importantísimo e onde a língua galega ten que buscar ese espazo de expansión, ese espazo de afianzamento, sobre todo en espazos urbanos como pode ser a cidade da Coruña”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego