Os Franco volven pór á venda a Casa Cornide

A familia Franco volveu colocar á venda a Casa Cornide nun portal inmobiliario. Este inmoble, situado na cidade da Coruña, agocha un patrimonio material e inmaterial moi valioso: dende á súa arquitectura á pegada da figura de José Cornide, un dos primeiros intelectuais laicos galegos do XVIII. Estes son algúns dos argumentos que Alfredo Vigo Trasancos expuxo no seu informe para que a Casa Cornide sexa declarada Ben de Interese Cultural.

A tramitación para ser declarada BIC iniciouse en maio de 2021 co apoio de todos os grupos municipais da Coruña. Dende aquela, non houbo máis pronunciamentos sobre o expediente. Con todo, dende ese momento, o inmoble conta coa protecciónprovisional da lei de patrimonio cultural, tal e como indica o artigo 17 da norma, ata que venza o prazo do proceso cunha duración prevista de dous anos.

Pese esta provisional protección, os Franco volveron colocar a Casa Cornide á venda nun portal inmobiliario. Non aparece o prezo mais si especifican que consta de 11 habitacións, 13 baños e que conta cunha superficie total de 1.430 metros cuadrados.

A Casa Cornide, un edificio histórico coruñés de estilo barroco situado en pleno casco histórico, forma parte do patrimonio espoliado por Franco tralo golpe de Estado e a posterior dictadura. Menos coñecido que o Pazo de Meirás, ten un especial significado para a cidade posto que chegou a acoller diversos usos públicos para rematar, directamente, nas mans de Carmen Polo, muller do ditador.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego