Neste 8 de marzo, Nós Televisión reúne nesta peza a algunhas das voces e rostros de mulleres que teñen protagonizado reportaxes e entrevistas desta casa, que enchen a grella desta televisión cada día, e que compoñen o escenario cultural e mediático galego. Á súa vez, estas mulleres, tales como Yolanda Castaño, Najla Shami ou María Reimóndez, enchen de feminismo o seu discurso e a súa forma de formar parte do tecido cultural galego.
O seren mulleres entrelázase en moitos casos coa condición de galegas. Este é o caso de Tareixa Navaza, pioneira na retransmisión da televisión en galego. Retransmitiu en 1984 a chegada dos restos de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, ‘pai’ do naciolismo galego, a Domingos de Bonaval, en Compostela. Sufriu censura e tamén gozou do benquerer da xente. Escoitar a Navaza é escoitar á liberdade de expresión. Outra das xornalistas galegas máis destacadas é Fernanda Tabarés que actualmente dirixe Voz Audiovisual e que foi presentadora de Vía V, de V Televisión, un programa distinguido polos seus debates sobre a actualidade galega.
Mais e que a cultura galega está chea de nomes de mulleres: desde Margarita Ledo a Mercedes Peón, desde Sés ás Tanxungueiras. Estes contidos, e moitos máis, enchen a grella e a canle de youtube de Nós Televisión onde a ollada feminista está dentro da forma de entender e de mostrar a nosa cultura.