Nós Televisión, a canle de televisión divulgativa centrada en cultura e lingua galega que este ano cumpre 10 anos, quere celebrar o Día de Galicia anunciando unha boa nova que ven para quedar: Desde hoxe mesmo, as súas reportaxes, documentais, series, entrevistas e programas en lingua galega sobre a historia, o patrimonio e a cultura da nosa terra poden verse na plataforma de Movistar +, e non só en Galicia, senón en todo o Estado español. Isto permitirá que ao redor de 10 millóns de persoas poidan ver as producións de Nós Televisión, o que significará un bo salto cuantitativo de audiencia, pois até o momento, os contidos de Nós Televisión só se podían ver en Galicia a través da plataforma R e doutras pequenas operadoras como Toxotelecom.
10 millóns de persoas poderán ver as producións de Nós Televisión
Que contidos poderás ver?
Co acordo asinado hai uns días, Movistar Plus+ terá no seu servizo baixo demanda unha ampla selección de máis de 200 contidos de Nós Televisión, o que amplía de forma notable o seu catálogo audiovisual dispoñible en lingua galega. Con este paso, estarán accesibles para todos os clientes de Movistar Plus + unha ampla variedade de audiovisuais sobre literatura, música, artes escénicas, patrimonio, idioma, educación, lusofonía, redes sociais, cine, política e historia de Galicia.
Así, poderá verse por exemplo o documental sobre Manuel Vello, a grandeza das cousas pequenas; o dos 175 anos do Circo de Artesáns ou o do centenario do Seminario de Estudos Galegos, aínda por estrear. Tamén se poderá ver unha serie sobre as mulleres da revista Nós, outra sobre Rosalía de Castro, ou todos os capítulos do programa Rostros do país, no que se entrevistan en profundidade a persoeiros como Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana, Miguel Ángel Santalices, Esther Estevez, Fernanda Tabarés, Miguel de Lira, Aida Tarrío e un longo etcétera. O programa Galego de todo o mundo protagonizado por Eduardo Maragoto sobre lingua galega e portuguesa, ou o GZ Música e o Universo Galaxia sobre novidades literarias da editorial tamén estarán dispoñibles.
Nós Televisión, sementando futuro
A intención de Nós Televisión é continuar na liña da produción de contidos que afonden na divulgación da historia e da cultura e da lingua galega desde unha perspectiva sempre democratizadora e tamén feminista e que estes sexan o máis difundidos posible. Nese sentido, a prioridade será seguir avanzando na entrada de máis plataformas que permitan chegar a todos os recunchos e a todos os públicos e tamén na canle propia, que con máis de 12.300 persoas subscritas, permite consolidar a día de hoxe a Nós Televisión como o medio de comunicación privado galego con máis persoas subscritas ao seu Youtube.