Os boirenses Mallou fanse co Premio Narf 2022

Mallou é a banda gañadora do XIV Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O dictame do xurado encumbrou ao grupo Mallou nunha gala final, que tivo lugar este domingo, e na que Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada Berto nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo. Ademais, houbo unha actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, que interpretaron un tema dedicado a el.

Quen son Mallou?

MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou “a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas”. Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

Como ver a gala?

O xurado elixiu os finalistas entre máis das trinta propostas recibidas. Está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo (tamén xestora cultural); e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

O evento, que puido seguirse en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña, aínda está dispoñible para a súa visualización en diferido.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego