A Mesa vén de lanzar este xoves, 5 de outubro, unha campaña exixindo o cumprimento da Iniciativa Xabarín, dous anos despois da súa aprobación por unanimidade no Parlamento galego. A Iniciativa Xabarín pola programación infantil e xuvenil en galego na televisión aprobouse por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021, despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis de 33.000 persoas.
O acordo parlamentar recollía que a TVG “aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, a través do reforzo e a promoción das 4 canles Xabarín” e que “o sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil”, con “programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas”. Porén, advirte o presidente da asocación en defensa da lingua, Marcos Maceira, “a realidade é que a día de hoxe nada disto existe”. “Pola contra”, abunda Maceira, “a programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñíbel nas operadoras de televisión e a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle”.
En relación a TVE, o acordo do Parlamento galego instaba á dobraxe e á lexendaxe na súa canle infantil e a disposición adicional 5ª da nova lei do audiovisual obriga a facelo nos contidos destinados a menores de 12 anos. Sen embargo, denuncia o presidente da Mesa, “o galego está dispoñíbel en 0% das súas emisións na canle temática Clan”.
A campaña, que xa se pode asinar online tamén contará coa posibilidade de asinar en papel e procurará de novo os apoios das entidades sociais, centros de ensino ou concellos. As sinaturas recollidas serán entregadas á Xunta de Galiza, TVG, Ministerio de Asuntos económicos e dixitalización e a TVE.