O oitavo Lgx15 xa ten data. Este 27 de outubro ás 18.00 horas na Sala Capitol, en Compostela, celebraranse oito charlas breves nas que se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. O acto será presentado polo contador de historias, poeta, escritor e guionista Lois Pérez.
Oito intervencións para o futuro da lingua
As persoas convidadas á oitava edición do LGx15 son: Elsa Quintas Alborés (avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, que nos falará dos nosos dereitos lingüísticos e da súa experiencia no exercicio da avogacía dende o galego), Guido Álvarez Parga (turismólogo, guía e docente, que relatará en “Ás viaxeiras e viaxeiros gústalles aprender galego” as súas reflexións sobre o uso da lingua no sector turístico), Pradorua e Fabiana Ambroa Ibarruri (creadora de contido en galego e neofalante unidas polo programa Elos do SNL do concello compostelán, que nos contarán como viven esta experiencia en “O que o galego uniu, que non o separe o home”), Pedro González Boquete (director executivo de Leite Noso, que comercializa Deleite, quen nos mostrará que “O galego importa” para unha empresa referente na etiquetaxe e na comunicación na nosa lingua), Fátima Barros (estudante de Medicina e divulgadora, que nos relatará a súa experiencia “Divulgando ciencia en galego”), Isaac González (enxeñeiro en Informática, que nos contará as súas propostas para hoxe e o futuro na charla titulada “Paradoxos, intelixencia artificial e estratexias para o presente”), Beatriz Busto Miramontes (antropóloga e pedagoga musical, que analizará “O estereotipo do galego en NO-DO” e as súas repercusións na actualidade) e Olaia Maneiro (integrante do grupo Tanxugueiras, quen abordará en “Non hai fronteiras para o galego” o orgullo de levar a nosa lingua aos escenarios de todo o mundo).
As charlas terán unha duración máxima de 15 minutos e as persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de socioloxía, música, empresa, intelixencia artificial, divulgación científica, turismo, dereito, comunicación, intercambio cultural… Diferentes temas para axudarnos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos, alento reforzado e propostas de mellora. Un formato para meditar, actuar e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas. Isto é o LGx15. Ideas para o futuro da lingua, que neste 2022 chega á súa oitava edición.
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Entradas
As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada (nos webs da Sala Capitol e do LGx15) e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles.