O Festival Internacional de Outono de Teatro, o corazón do teatro de Galicia, celebra a 31ª edición baixo o cancelo #VocesFIOT. Con este lema, as actuacións encherán os escenarios entre o 30 de setembro e o 31 de outubro cunha aposta pola “visualización da singularidade e a identidade das compañías que conforman a programación”. O festival tamén convida o público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. De feito, este ano o FIOT homenaxeará a Pedro Brandariz na Rúa dos Contos.
Entre a programación destacan estreas como a da obra ‘Silencio’ de Juan Mayorga protagonizada por Blanca Portillo. Tamén contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos neste festival. O FIOT acollerá a estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez ademais da celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O festival subirá aos escenarios a estrea da súa nova obra, Pirolíticos, e a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’. Ademais, Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022.
O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro.
Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).
Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. Consulta aquí toda a programación.
Os abonos e as entradas para a 31ª edición do FIOT sairán á venda nos vindeiros días a través da páxina web do festival.